VILAGARCÍA> O goberno local de Vilagarcía levará a Pleno unha moción a prol da demolición da nave que está situada enriba da desembocadura do río do Con. O executivo defende que chegou por fin o momento de liberar ese espazo, polo que insta ao resto de grupos a que apoien a súa proposta de solicitar a Augas de Galicia a que acometa esa actuación. Máis aínda, explican, contando coa postura favorable da Autoridade Portuaria.
O goberno local de Vilagarcía, levará ao vindeiro pleno unha iniciativa coa que pretende seguir avanzando no proxecto de demolición da nave situada enriba da desembocadura do río do Con. Unha proposta que se vén arrastrando dende o 2008.
O goberno local quere facerse co apoio da corporación días despois de que o propio alcalde lle enviase unha carta á Directora de Augas de Galicia demandando esa actuación. Cren no executivo que agora é o momento idóneo de levar adiante ese proxecto que tantos anos leva aparcado, aproveitando a fin da concesión desa nave e tendo a favor á Autoridade Portuaria.
Ademais os socialistas levarán á sesión plenaria outra proposta, neste caso, financeira. Logo de que os populares tumbasen no Senado o teito de gasto, os socialistas vilagarciáns acusan a PP e VOX de asfixiar á administración local, restrinxindo a súa capacidade financeira. Explica Tania García que Ravella non poderá empregar uns 2 millóns de euros, pola esixencia de remata-lo ano cun superávit do 0,2%.
E lamentan que o PP empregue esta medida, que afecta a concellos e comunidades autónomas, para atacar ao goberno central.
O pleno no que se debaterán estas cuestións celebrarase o vindeiro 4 de abril.











