Localizado un narcosubmarino fronte a Vilaxoán que podería estar relacionado coas planadoras de Riberia

VILAXOAN> Localizado un narcosubmarino na ría de Arousa. A embarcación apareceu semiafundida preto do porto de Vilaxoán. É de fabricación artesanal e, segundo as primeiras investigacións, podería estar relacionada coas planadoras que apareceron en Ribeira hai unhas semanas. A Garda Civil e Vixilancia Aduaneira xa se fixeron cargo da investigación.

Foi un mariñeiro que traballaba na zona o que deu a voz de alarma pouco despois das 10 da mañá ao ver o que semellaba unha embarcación practicamente afundida. A realidade: un narcosubmarino na ría de Arousa, localizado a unha milla mar a dentro fronte o porto de Vilaxoán.

Tratase dunha embarcación de 15 metros de eslora de tipo artesanal que, segundo as primeiras informacións, podería estar relacionada coas dúas narcolanchas que aparceron varadas na costa de Riberia hai unhas semanas. As primeiras teorías apuntan a que as dúas planadoras que apareceron nas praias riberenses de Espiñeirido e  O Vilar eran as escargadas de recoller o alixo do narcosubmarino que apareceu esta mañá.

Ata a zona onde foi localizado achegáronse efectivos da Garda Civil e de Vixilancia aduaneira, que xa se fixeron cargo da investigación. Tamén unha embarcación de Salvamento Marítimo, que servirá de apoio para traelo a terra. A intención é reflotalo o antes posible, pero atendendo ás malas condicións do mar e as complicadas manobras, xa ao mediodía quedaba descartado que puidese efectuarse nesta xornada. Unha vez recuperado, o primeiro paso será levar a cabo unha exhaustiva inspección interior para comprobar se leva carga. Todo apunta a que non hai persoas no seu interior.

En terra tamén se despregou un amplo dispositivo no porto vilaxoanés, con axentes da Policía Nacional, da UCO da Garda Civil e da Axencia Tributaria, que despregaron pola zona diversos medios terrestres e aéreos.

Este é o terceiro narcosubmarino que aparece nas Rías Baixas. O episodio máis recente remóntase a 2019, cando unha destas naves era localizada na ría de Aldán con tres toneladas de cocaína.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí