VILAGARCIA> PEMES e emprendedores da comarca do Salnés teñen en SalnésLab o seu espazo de traballo. Trátase dun laboratorio de experimentación e prototipado que a Mancomunidade pon a disposición dos profesionais que precisan impulsar o seu proxecto botando man das novas tecnoloxías. Esta mañá, representantes do organismo comarcal visitaron as novas instalacións deste proxecto, situadas en Vilagarcía.
Neste centro situado en Vilagarcía desenvolve o seu traballo o SalnésLab. Trátase dun laboratorio de experimentación e prototipado impulsado da Mancomunidade do Salnés, que naceu grazas a un programa Interreg. Agora, con esa fase xa superada, o organismo comarcal quere darlle continuidade ao proxecto, a través da colaboración público-privada.
O SalnésLab está aberto a PEMES e emprendedores que precisan darlle forma ao seu proxecto partindo da experimentación e o prototipado. Un espazo no que atoparán, ademais, o asesoramento en novas tecnoloxías que precisan para desenvolve-las súas ideas.
Nesa liña, hoxe durante a visita dos responsables da Mancomunidade do Salnés, atopámonos con varios emprendedores que están a traballar aquí na súa idea. Eles, ademais de crear sinerxías con outros proxectos, salientan as múltiples opcións que ofrecen as diferentes ferramentas coas que conta este espazo.
O presidente da Mancomunidade do Salnés salienta o traballo en equipo que caracteriza este proxecto. David Castro destaca a utilidade desta iniciativa para o desenvolvemento empresarial.
Para poder poder comezar a desenvolver un proxecto no SalnésLab a persoa emprendedora deberá superar un simple proceso de análise da viabilidade da idea. Unha vez conseguido ese obxectivo, á súa disposición póñense máis dunha vintena de ferramentas tecnolóxicas, dende impresoras 3D ata estacións de soldadura para compoñentes electrónicos, por citar só dous exemplos.











