MEIS> A escola infantil de Meis non terá que pechar polas obras. Finalmente a actividade docente poderase compatibilizar coa reforma do edificio. É a proposta do Concello que conta xa co visto bo da Consellería de Política Social. Isto implica que non será preciso o traslado temporal da rapazada a ningún outro centro. Tamén que as obras irán máis lentas e por fases, para garantir a seguridade do alumnado.
A rapazada da escola infantil de Meis quedará aquí no tempo que duren as obras de remodelación. Esa é a proposta definitiva, xa validada pola Consellería de Política Social, que evita que haxa que trasladar a actividade lectiva a outra instalación.
O plan pasa por desenvolve-la reforma a prazos. Para iso, o concello ten que elaborar un plan de obra para poder sacar o contrato a licitación.
O goberno local xa lle explicou ás familias a nova situación. Indicoulles que a reforma da escola se dividirá en dúas partes, o que implica tamén que as obras van durar máis.
A alcaldesa, ademais, aproveita para lamenta-la actitude do PP de Meis con este tema.
O proxecto de reforma da escola infantil de Meis poderá executarse grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra, que asumirá o 80% dos 400.000 euros que custará. O restante correrá a cargo do concello.











