MEIS> Centos de persoas achegáronse hoxe ata A Armenteira, en Meis, para celebrar a Romaría das Cabezas. A chuvia fixo que este ano houbese unha menor afluencia de fieis. Con todo, foron moitos os que desafiaron o mal tempo para ofrecerse á virxe ou cumprir a tradición de subir camiñando. Tamén, como non, moitos outros que non quixeron perder unha das primeiras citas festivas do calendario, onde o bo ambiente a o polbo foron tamén protagonistas.
Luns de Pascua ou o que é o mesmo, cita na Armenteira coa Romaría das Cabezas. A deste ano, coa ollada posta no ceo.
A chuvia e mesmo as sarabiadas fixeron acto de presenza ao longo desta mañá na Armenteira.
Centos de persoas, aínda que menos do habitual por mor do tempo, cumpriron con esa cita ineludible coa Armenteira.
Outros, contra vento e marea, cumpriron coa tradición de subir a pé.
E unha vez arriba, amplo programa relixioso durante toda a xornada. Como sempre, a máis multitudinaria a misa solemne da unha, onde os fieis aproveitan para pedirlle á virxe.
E logo dos actos solemnes, tempo para gozar.
E como bos galegos, a parte gastronómica non pode faltar, co churrasco e o polbo como reis absolutos da Armenteira.
Como esta nena, moitos outros rapaces gozaron tamén dun día de festa e sen cole.
Unha xornada de ledicia, que pon o punto e final a unha das semanas máis importantes do ano no concello de Meis.
A música tamén estivo presente hoxe co grupo folk Tres Pesos, á tarde, pero tamén ao longo da pasada fin de semana con orquestras e animacións musicais de todo tipo tanto o sábado como o domingo.











