Transforman un antigo motel da Goulla nunha residencia privada con capacidade para 60 maiores

MEIS> Meis estrea residencia de maiores. As novas instalacións, están xa a pleno rendemento. Está situada na Goulla nun antigo motel reformado e adaptado para as novas necesidades. O centro privado conta con capacidade para case 60 usuarios. De momento está ocupada por sete, á espera de que se vaian incorporando paseniñamente máis. A alcaldesa, que visitou hoxe as instalacións, aproveitou para reivindicar para a comarca unha residencia pública.

O que agora é unha residencia de maiores a estrear antes era un motel. O novo centro de anciáns está situado na Goulla, no concello de Meis. Trátase dunha residencia privada con capacidade para 59 usuarios. Hoxe foi a súa posta de longo, despois da fonda reforma levada a cabo nestas instalacións.

Nestes primeiros días hai xa sete usuarios, coa previsión de que se vaian incorporando máis pouco a pouco. Os primeiros residentes estanse adaptando ben ao novo espazo.

Nesta residencia traballan 13 profesionais. Dende a dirección do centro entenden que un servizo como este era moi preciso na comarca, onde escasean as prazas. Aquí as que se ofertan son todas privadas. A alcaldesa de Meis, que visitou hoxe o novo centro, puxo en valor este servizo.

Pero como unha cousa non quita a outra, aproveitou para reivindicar de novo unha residencia pública na comarca.

As tarifas neste novo centro privado oscilan entre os 1.900 e 2.400 euros ao mes.