Giráldez denuncia que deixar Meis sen pediatra é unha ‘decisión política’ do Sergas

MEIS> O concello de Meis atribúe a decisións políticas a medida do Sergas de deixar sen pediatra durante o verán o municipio meisino e o de Meaño e centrar a atención no centro de saúde de Baltar. A alcaldesa Marta Giráldez explica que non tiveron comunicación oficial de Sanidade e anuncia a convocatoria de mobilizacións veciñais.

Este verán os veciños de Meis volven quedar sen pediatra. O Sergas anunciaba que a atención se centralizará no centro de saúde de Baltar, en Portonovo. Nova que non foi ben recibida no concello.

Giráldez asegura que, unha vez máis, non recibiron ningunha notificación oficial por parte do Servizo Galego de Saúde. Tamén que esta situación xa se viviu o ano pasado, polo que non entenden que se tomaran as medidas necesarias para volver quedar sen pediatras.

Para a alcaldesa trátase dunha decisión política, que afecta a concellos non gobernados polo PP. Por iso volverán mobilizarse.

A perda do pediatra súmase ao mantemento do peche do consultorio de Paradela. Dende o Sergas explican que non se poden garantir as medidas sanitarias, pero o concello asegura que presentaron un proxecto co que se adaptarían as instalacións. A alcaldesa recorda tamén que está pendente a construción dun novo centro de saúde para Meis, proxecto que non está contemplado nin nos orzamentos nin nos compromisos da Xunta de Galicia.