Meis celebrará unha romaría para conmemorar o Día das Letras Galegas

MEIS> O concello de Meis celebrará o Día das Letras Galegas cunha romaría. O sábado 16 de maio a Finca de Parga encherase de música, xogos populares, bo ambiente e actividades para festexar esta data sinalada. O concello agarda recibir máis de medio milleiro de persoas.

En Meis o Día das Letras Galegas celebrarase o 16 de maio. E farase cunha romaría na Finca de Parga.

A xornada comezará cedo. Ás 11 e media arrancarán as actividades que irán abrindo boca para a sesión vermú á 1 do mediodía coas Pandereteiras de San Lourenzo de Nogueira. Á 1 e media actuará o grupo folk Os Druídas. Despois, celebrarase o xantar campestre.

Xa ás 7 da tarde haberá unha recreación das actividades das mulleres rurais coa asociación Os Pazos de Paradela. Seguiranlle ás 7 e media as cantareiras de Madialeva. Ás 8 e media o fin de festa correrá a cargo dos Festicultores Troup.

Dende o concello agardan que pasen máis de medio milleiro de persoas ao longo da xornada por esta finca. Para que o poidan facer con total seguridade, xa encargaron un informe sobre as árbores deste espazo aos técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

A xornada completarase con xogos populares e os xogos de madeira elaborados polo Meisino do Ano deste 2026, Isidoro Dios.