VILAGARCÍA> Todo facía presaxiar que o vilagarcián Pablo Barreiro e a súa compañeira Alba Díaz acadarían hoxe o Campionato de España da categoría MIXTA, e así foi. Na xornada de hoxe soamente se celebraron dúas mangas, acadando un sétimo posto na xeral e de novo primeiros da súa categoría. Finalmente a diferenza coa equipa do TEAM BALÍS de Barcelona, foi de 64 puntos.
Nos catro días de competicións celebráronse un total de 8 mangas con condicións moi diferentes. O xoves pasado empezaban o campionato con pouco vento, podendo rematar unha única manga tras cinco horas no mar. Todo o contrario acontecía o venres, no que as 60 tripulacións inscritas puideron disputar 4 mangas, tendo que loitar con ventos de entre 15 e 25 nos, o que axitou fortemente as augas gaditanas.
Pola súa banda, a selección galega de 420, ademáis do Campionato de España na categoría MX, consolidou o terceiro posto para Aitana PEREZ e Helena ALCARAZ na categoría sub17 e unha cuarta posición da tripulación formada por Natalia DOMÍNGUEZ e Ines AMENEIRO na categoría sub19 feminina.
En pouco máis de dúas semanas as tripulacións da selección galega mediranse de novo na Copa de España, que nesta edición celebrarase en augas de San Sebastián entre os días 25 e 28 de abril, tendo en xogo a clasificación para o Campionato de Europa da clase.


















