Remata o prazo para presentar alegacións ao proxecto de Altri que ‘condenaría a morte a ría de Arousa’

VILAGARCÍA> Este mércores remata o prazo para presentar alegacións contra a macro celulosa de Altri en Palas de Rei. O BNG de Vilagarcía fixo hoxe unha recollida de apoios. Explican que o prexecto sería a condena a morte para a ría de Arousa, a onde virían parar as augas que se empregarían na planta. Os nacionalistas din estar confiados en que forte resposta social que está a ter a celulosa acabe freando o proxecto.

Este mércores remata o prazo para presentar alegacións ao proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei, unha planta que preocupa na ría de Arousa. É por iso que o BNG de Vilagarcía está aproveitando ata o último minuto para xuntar apoios en contra. Hoxe montaron un posto informativo no centro da cidade.

Apuntan os nacionalistas que na primeira hora co posto en marcha xa conseguir xuntar 50 alegacións máis en contra do proxecto. Din que non só é prexudicial para a comarca da Ulloa, onde se pretende instalar, senón que tamén para tódolos concellos por onde pasa o río Ulla e para a ría de Arousa, a onde irían parar as augas procedentes da planta.

Ademais, entenden que se por unha banda o proxecto xera 500 postos de traballo, tamén provoca a perda de milleiros, moitos deles aquí na ría.

O BNG, xunto con outros colectivos sociais e ecoloxistas, ven esta campaña en contra do proxecto con moito optimismo porque, explican, hai unha forte resposta en contra por parte da cidadanía.

A campaña do BNG contra Altri, unha vez rematado o prazo de presentación de alegacións, continuará este vindeiro xoves ás 8 da tarde no auditorio de Vilagarcía para dar máis información sobre a macro planta que se pretende construír en Palas de Rei.