Vilagarcía lanza un programa de titorización para mellorar a competitividade do comercio local

VILAGARCÍA> Vilagarcía pon en marcha un programa de titorización para o comercio local e hostalería. O proxecto busca mellorar a competitividade dos negocios, ofrecendo ferramentas personalizadas a cada un deles. Entre os obxectivos, busca mellorar a súa presenza dixital. A convocatoria aínda está aberta, aínda que xa se rexistraron máis de 20 solicitudes.

Vilagarcía quere que o seu comercio local e a hostalería sigan avanzando na súa adaptación aos novos tempos. O concello, a través de fondos Next Generation, lanza agora un programa de titorización que busca a mellora da competitividade dos negocios de sempre.

Os responsables deste programa explican que cada establecemento recibirá unha atención personalizada, adaptando os contidos ás súas necesidades.

Así que cada negocio recibirá as ferramentas que precisa para mellorar os seus obxectivos. Traballarase na mellora da presenza dixital do negocio, pero tamén a física, a través do escaparatismo e da atención ao público. Outra pata importante será tamén o asesoramento legal.

Polo de agora hai xa 21 establecementos inscritos. Ravella traballa co obxectivo de acada-los 30. O alcalde destaca que esta é unha iniciativa máis das que está a impulsar o concello a prol do comercio local.

O prazo de inscrición aínda está aberto. O programa arrancará axiña e desenvolverase ata o mes de xuño.