O PSOE recolle a ampliación da biblioteca municipal de Vilagarcía no seu programa

VILAGARCÍA> O Partido Socialista aposta por afondar no seu modelo de cidade. A formación presentou esta mañá os trazos principais do seu programa electoral, con propostas como a ampliación da biblioteca municipal ou a construción dun novo albergue público. Así as cousas, os socialistas consideran que chegan a esta cita electoral avalados polo traballo dos últimos catro anos en Ravella.

Se a semana pasada o Partido Socialista de Vilagarcía repasaba o traballo feito nestes catro anos, hoxe presentaron as liñas principais do seu proxecto futuro para a vila. Un compromiso que ten como obxectivo principal o desenvolvemento do modelo de cidade.

Os socialistas manteñen vellas apostas. É o caso da estación intermodal con paradas do AVE, a dotación de máis solo industrial no Pousadoiro ou a construción do novo centro de saúde na Comandancia da Mariña. Tamén atenden vellas demandas, como a ampliación da biblioteca municipal.

A construción dun novo centro de día para persoas maiores ou dun albergue público son outros dos compromisos que adquiren no seu programa.

Os socialistas tamén apuntaron a que quedan fóra do programa proxectos que xa están en marcha aínda que non están rematados como, por exemplo, as melloras nos campos de fútbol da Lomba e de Vilaxoán ou o paseo marítimo cara esta vila.