O Poli Paco, o axente máis famoso da Policía Local de Sanxenxo, ten xa o seu propio libro

SANXENXO> O máis que coñecido Poli Paco xa ten o seu propio libro. Trátase do axente máis célebre da Policía Local de Sanxenxo. Unha personaxe que ensina á rapazada normas de seguridade viaria. A publicación, con ilustracións de distintas zonas de Sanxenxo, conta con diferentes actividades, xogos e mesmo códigos QR para acceder a cancións. Vaise lanzar unha tirada de 2.000 exemplares para repartir entre o alumnado dos colexios do municipio.

Aprende seguridade viaria co poli Paco. Ese é o título do libro protagonizado polo axente máis famoso da policía local de Sanxenxo. Trátase dunha publicación que busca complementa-las actividades formativas que impulsa  dende hai anos Abelardo Martínez. Trátase dun libro coas claves da educación viaria, con distintas actividades e xogos, e adaptado á realidade do concello.

Unha aprendizaxe que se usa ao revés. Partindo da educación viaria a rapazada aprenderá outras cousas.

O libro conta tamén con cancións, ás que se pode acceder a través dun código QR. As ilustracións xogan tamén unha parte fundamental da publicación, que son un dos grandes reclamos para os máis pequenos.

Desta publicación vanse editar 2.000 exemplares para repartir entre a rapazada.

Dende o goberno local salientan ademais que o municipio é un referente en seguridade viaria dende hai 30 anos. Nesa liña, din que queren seguir avanzando, implementando novas medidas. O seguinte obxectivo son os camiños escolares seguros.