Uns 200 mozos de cinco concellos danse cita en Cambados nunha nova edición de Panos Brancos

CAMBADOS>  Cambados acolleu hoxe o Torneo Panos Brancos. Nesta ocasión reuniu a máis de 200 mozos e mozas de cinco concellos. Ademais do municipio anfitrión, tamén participou rapazada de Vilagarcía, Vilanova, Rianxo e Padrón. O obxectivo da xornada: aproveitar os valores do deporte para demostrarlle aos máis novos que hai moitísimas alternativas de ocio saudables lonxe das drogas.

A cita foi no pavillón do Pombal. Aquí reuníronse mozos e mozas de centros de Vilagarcía, Vilanova, Rianxo, Padrón e, por suposto, Cambados, nunha nova edición do Torneo Deportivo Panos Brancos. Unha iniciativa impulsada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico que busca fomentar os valores do deporte, apostando por un estilo de vida saduble.

Durante toda a mañá foron sucedéndose as diferentes modalidades deportivas, nunha edición que reuniu a 200 estudantes da ESO, con idades de entre 12 e 16 anos.

Máis alá do fomento dun estilo de vida saudable, lonxe das drogas, este tipo de torneos serve tamén para que a mocidade coñeza compañeiros e compañeiras doutros concellos próximos coas súas mesmas inquedanzas.

As actividades relacionadas con este programa acadan os 2.000 mozos no conxunto dos centros participantes.