O CEIP San Tomé, preparado para o inicio o curso no escenario COVID

CAMBADOS> A un mes do inicio do curso, os colexios ultiman os preparativos para facer fronte ao escenario marcado pola COVID-19. Tomando como punto de partida o procolo elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade, cada centro establece os seus propios plans de contixencia para frear a expansión do virus e, ao mesmo tempo, intentar manter a normalidade. Hoxe visitamos o colexio Santomé, en Cambados.

Que o inicio do curso cumpra con todas as garantías sanitarias e que o faga dentro da máxima normalidade posible. Este é o obxectivo co que traballan as comunidades educativas de toda Galicia no escenario marcado pola COVID-19. Partindo do protocolo elaborado polas Consellerías de Educación e Sanidade, cada centro deseñou o seu propio plan de continxencia.

O colexio Santomé de Cambados serviu hoxe como exemplo. O centro estableceu quendas de entradas e saídas para evitar que os nenos de diferentes cursos se mesturen, incluso con rutas diferentes de acceso ás instalacións. Ademais, todos terían que ir equipados con máscaras.

As aulas considéranse grupos estables de convivencia, polo que non serían necesarias nin a máscara nin a distancia de seguridade. Así as cousas, o colexio tomou medidas neste senso.

Outros espazos comúns, como os baños, estarán regulados por semáforos para evitar que coincidan nenos de diferentes aulas. Unhas normas que tamén se aplicarán nos recreos.

O colexio Santomé é un dos centros no que será necesario desdobrar unha aula para cumprir coas ratios establecidas, o que os obrigou a improvisar unha nova clase.

O centro tamén se dotou de nova sinaléctica para orientar aos alumnos nestas medidas da nova normalidade. Ademais, instalaronse varios dispensadores de xel hidroalcohólico.