PONTEVEDRA> Pontevedra repite a súa aposta pola banda deseñada. Do 27 ao 30 de xuño volve o BDra Gráfica, convertido desta volta nun festival que sairá ás rúas da cidade. O seu epicentro será a praza da Ferrería, aínda que se celebrarán tamén varias xornadas profesionais no Teatro Principal. No seu marco pasarán pola cidade algúns dos autores máis relevantes do panorama nacional e internacional. Entre eles, o homenaxeado deste ano, Miguelanxo Prado.
Pontevedra reforza a súa aposta pola banda deseñada. A cidade, da man do autor Kiko da Silva e da súa escola O Garaxe Hermético, repite e amplía a súa BDra Gráfica. Este ano convértese en todo un festival que tomará as rúas da cidade.
A cita desenvolverase do 27 ao 30 de xuño. A carpa na praza da Ferrería será o seu epicentro. Ademais de librarías e editoriais, pasarán por ela algúns dos principais autores a nivel nacional e internacional, como Bartolomé Seguí, Bea Lema, Carlos Portela e Keko, que presentarán os seus últimos traballos.
Tamén estará neste festival da banda deseñada o autor coruñés Miguelanxo Prado, que asina o cartel deste ano. Será a figura homenaxeada nesta edición. De xeito paralelo, a Fundación Manuel Moldes ofrecerá unha mostra con obras orixinais, entre elas do seu thriller recentemente publicado por Retranca ‘Presas fáciles-Voitres’.
A programación inclúe tamén a celebración de dúas xornadas profesionais que se celebrarán no Teatro Principal. Unha delas tratará dos problemas derivados da Intelixencia Artificial e os dereitos de autor. A outra será unha clase teórico-práctica de fisioterapia para creadores.











