O PP pide un pleno extraordinario para reclamar ‘explicacións e responsabilidades políticas’ a Carmela Silva

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra rexistrou esta mañá a solicitude  dun pleno extraordinario na Deputación provincial. A formación insiste en reclamar a dimisión de Carmela Silva tras confirmar o Tribunal Supremo a condena de cinco anos a un funcionario do concello de Vigo que promoveu a contratación da cuñada da presidenta. Silva, pola súa banda, xa pechou a posibilidade de convocar a sesión.

O Partido Popular formalizou esta mañá no rexistro da Deputación de Pontevedra a súa petición dun pleno extraordinario. Esixen a Carmela Silva explicacións e responsabilidades políticas polo caso da contratación da súa cuñada.

Consideran, ademais, que pola relevancia do caso a presidenta provincial debería dimitir.

Pola súa banda, Carmela Silva evitou responder a esta petición dos populares. Remitiuse ás declaracións que onte facía o voceiro do grupo socialista na Deputación. Carlos López Font cualificaba a actuación do PP de asquerosa campaña de persecución.

Silva pechou tamén a porta á posibilidade de convocar o pleno extraordinario. Recordou que no 2019 o PP xa fixera a solicitude, que foi rexeitada polo secretario.

A presidenta provincial incidiu en que o seu papel é gobernar con transparencia e respecto ás normas e á lei.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí