Oitenta produtores ‘gourmet’ reuniranse en Pontevedra na Feira Etiqueta Negra

PONTEVEDRA> O mundo gourmet con selo galego volve ter unha cita en Pontevedra. Os días 12, 13 e 14 a cidade acollerá unha nova edición da feira Etiqueta Negra, que cumpre a súa sexta edición. Oitenta produtores participarán no evento, que incluirá degustacións, showcookings, mostras de produtos da mellor calidade e, como novidade, actuacións musicais.

Volve a Feira Etiqueta Negra e Pontevedra volve converterse na capital do gourmet galego.

A cita está patrocinada por Estrella Galicia. Será os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral pontevedrés. Unha sexta edición que confirma o evento como todo un éxito.

Repite este ano o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Dende o seu stand, o alumnado presentará os seus proxectos, demostrando as ensinanzas que recibe nesta escola de hostalería. Ademais, este ano estrean proposta.

A Deputación de Pontevedra contará tamén co seu propio stand. Será da man da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Xunto a eles, 80 produtores galegos dos que 20 se estrean en Etiqueta Negra: haberá propostas veganas, algas, doce de leite, novos licores ou incluso uns caramelos con sabor a pemento de Padrón.