Lores e Fernández non asistiron ao partido do Cisne para non coincidir co rei emérito no pavillón

PONTEVEDRA> Non todo foi navegar nesta fin de semana para o monarca. O sábado aproveitou para achegarse a Pontevedra e atoparse co seu neto. Pablo Urdangarín, xogador do filial do Barcelona, estaba na cidade para enfrontarse ao Club Cisne Balonmán. Xoán Carlos I seguiu o partido dende as gradas pero a súa presenza non foi ben recibida polo goberno local. Nin o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nin o tenente de alcalde, Tino Fernández, asistiron ao partido.

Recibido con berros de “¡Viva o Rei!” o monarca chegaba o sábado pola tarde ao pavillón de Pontevedra. Alí, sentado na grada seguiu de preto o partido que enfrontou ao seu neto, xogador do filial do Barcelona, co Club Cisne Balonmán. Fíxoo acompañado polo que foi o seu anfitrión durante toda a viaxe, Pedro Campos, e por Pedro de Borbón-Dos Sicilias y Orleáns, duque de Calabria.

Tralo partido, o monarca deixouse fotografar con varios nenos que se achegaron a el. Despois tivo un breve encontro co seu neto, o segundo fillo da infanta Cristina. Pablo Urdangarín achegouse a saudalo dende a pista de xogo. Finalmente, Xoán Carlos I abandonou o pavillón entre os berros de apoio dun pequeno grupo de veciños que se xuntou na entrada.

A presenza do emérito provocou dúas ausencias: as do alcalde e o tenente de alcalde de Pontevedra.

Así as cousas, Lores e Fernández insistiron en que este xesto non altera o apoio que o concello dá ao Cisne.

Recordaron ademais que esta semana está previsto organizar unha recepción para todo o club e celebrar con eles o seu ascenso á Liga Asobal.