BOIRO> Éxito de participación nas Xornadas Deportivas de Jealsa que celebraron este pasado xoves a súa segunda edición. Na iniciativa, dedicada este ano ós deportes náuticos, colaboran o Club de Remo Cabo de Cruz, a Escola Náutico Deportiva de Boiro e o Club de Piragüismo Rías Baixas, sacando á rúa os seus equipos.
A rúa peonil de Boiro converteuse no mellor escaparate dos deportes náuticos, con gran peso na localidade. A segunda edición das Xornadas Deportivas de Jealsa contaron coa participación do Club de Remo Cabo, a Escola Náutica Deportiva de Boiro e o Club de Piragüismo Rías Baixas. Precisamente, aproveitouse este evento para homenaxear ós deportistas deste club que veñen de participar no combinado nacional nos Xogos Mundiais celebrados en China.
Competiron na modalidade de Barco Dragón que debutaba oficialmente conseguindo dúas medallas de bronce nas categorías DB 8 Open e DB 10.
Trala recepción, tivo lugar unha exhibición dos distintos equipos e embarcacións que as entidades quixeron sacar á rúa para dar a coñecer ó gran público o seu traballo. Foron moitos os que se animaron a poñer a proba as súas facultades no remoergómetro nunha xornada na que, quen sabe, xurdirán novos apaixonados dos deportes náuticos.











