A cultura encherá Ribeira durante o Mes das Letras

RIBEIRA> Maio, mes da cultura por excelencia, encherá Ribeira de actividades. Ademais das exposicións e iniciativas en torno á figura de Luisa Villalta, homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas, haberá propostas para tódolos públicos dende distintos ámbitos culturais.

O concello de Ribeira programou para este mes das Letras un amplo programa de actividades culturais que darán comezo esta mesma semana coa apertura da decimo cuarta exposición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico o xoves no Lustres Rivas. O sábado día 4, no auditorio, proxectarase o documental de Alberto Sacido sobre Suso de Toro con posterior coloquio. Tódolos sábados a mediodía haberá contacontos para os máis pequenos no centro Cultural Lustres Rivas mentres que a bilblioteca acollerá tres exposicións sobre Luisa Villalta e outros autores ós que se lle ten dedicado o día das Letras Galegas.

O día 15, o concello celebrará un acto en lembranza de Manuel Ayaso no cemiterio municipal con motivo do seu cabodano.

O propio día 17, as rúas encheranse de cultura cun espectáculo de narración orral, unha rúada de música tradicional a cargo de Tahume. Pola tarde, a aula de música de Aguiño acollerá varias actividades organziadas pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño. Pechará a xornada o concerto da coral municipal no auditorio. Completan o programa varias propostas de teatro, literarias e musicais como a xornada de portas abertas da rondalla de Aguiño, os recitais de fin de grao do conservatorio, o Bruón Folk Fest os días 10 e 11, a festa dos maios en Aguiño ou as festas de Fátima en Oleiros.