A administración local faise máis accesible equipándose con bucles magnéticos para persoas con perda de audición

PONTEVEDRA> A administración local de Pontevedra é dende hoxe máis accesible. No rexistro e no chalé de Fontoira hai dispoñibles dous bucles magnéticos portátiles, aparellos que transforman o audio en campos magnéticos que poden ser captados polos audífonos. Ferramentas moi útiles para facilitar a atención a persoas que teñen perda de audición.

Este sinxelo aparello pode facer a vida máis fácil a milleiros de persoas. Trátase dun bucle magnético portátil, unha ferramenta que permitirá facilitar a atención a persoas que teñen perda de audición, leven ou non prótese auditiva.

Estes equipos xa están disponibles no rexistro do concello de Pontevedra en Michelena 30 e no Chalé de Fontoira. Está indicado con estes carteis e, calquera persoa que o precise pode solicitar ser atendida usando este bucle magnético.

A intención do concello é estender a súa dispoñibilidade a outros edificios públicos, para facer que a administración sexa accesible para todos.

Dende a Asociación da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, Xoga, calculan que en Pontevedra hai entre 8.000 e 9.000 persoas que poderían beneficiarse deste servizo.

Os novos aparellos do concello de Pontevedra son únicos na cidade. Segundo explican dende Xoga, tanto o edificio de Correos como o da Subdelegación do Goberno contan con outro tipo de bucles magnéticos, máis antigos e menos versátiles que os que xa están dispoñibles na administración local.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí