PONTEVEDRA> Santa María de Xeve, en Pontevedra, porá en valor a súa riqueza patrimonial. A asociación cultural Sondexeve e o concello veñen de deseñar un roteiro circular de 5,7 quilómetros para percorrer algúns dos enclaves máis relevantes da parroquia. Trátase da primeira iniciativa deste tipo, que o goberno local agarda estender a outros puntos.
A parroquia de Santa María de Xeve, preparada para amosar a súa riqueza patrimonial. A asociación cultural Sondexeve e o concello de Pontevedra deseñaron un roteiro que percorre algúns dos puntos máis relevantes.
O roteiro é circular e ten 5,7 quilómetros. Actualmente están colocándose os elementos de sinalización, que inclúen marcadores do trazado e paneis informativos que divulgarán toda a información da zona.
O percorrido parte e remata na igrexa de Santa María. A Torre Vella, o pazo de Gondar, o cárcere de Gondar, o miradoiro da Pedreira, a Casa da Audiencia, o muíño vello, a casa da Sancristana ou a casa antiga do concello, son algúns dos enclaves aos que chegará o camiñante.
A intención do concello é trasladar esta iniciativa a outras parroquias pontevedresas. Polo de momento, o roteiro de Santa María de Xeve inaugurarase o vindeiro sábado 4 de marzo cun percorrido guiado.