Pontevedra despídese dos Premios Feroz conquistando aos asistentes á gala

PONTEVEDRA> Pontevedra despediuse do seu papel como anfitrioa dos Premios Feroz e fíxoo por todo o alto. Por segundo e último ano, a cidade entregouse para facer da gala unha experiencia inesquecible para centos de rostros recoñecidos por todos que se pasearon pola alfombra vermella. A capital pontevedresa conquistou corazóns cos seus encantos, as súas xentes e, por suposto, co mellor da súa gastronomía.

O sábado a chuvia foi de estrelas en Pontevedra. A cidade exerceu como orgullosa capital do audiovisual español, acollendo por segundo ano a gala de entrega dos Premios Feroz.

‘Los Domingos’ e ‘La cena’ coroáronse como mellores películas. ‘Yakarta’ e ‘Poquita fe’ fixeron o propio como as mellores series. Pero sen dúbida a gran triunfadora da noite foi Pontevedra.

O Recinto Feiral acolleu a gala pero moitos dos asistentes tiveron tempo para percorrela durante o día. E para deixarse conquistar polos seus encantos.

Algúns xa estiveran na cidade o ano pasado, cando acolleu a gala dos Feroz do 2025. Unha cita que deixou bo recordo e ganas de repetir.

Nin a chuvia conseguiu amedrentar a estes visitantes. Entre eles, moitos galegos. No seu caso, xogaban na casa.