RIANXO> Coma vila mariñeira que é e como manda a tradición cada 16 de xullo, Rianxo honrou á súa á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.
Os actos arrancaron ás sete da tarde na igrexa parroquial onde se celebrou a misa solemne oficiada polo párroco Marcelino Sánchez.
Unha vez rematada tivo lugar a tradicional procesión.
Centos de persoas acompañaron ás dúas Virxes no seu traxecto dende o templo ata a zona portuaria.
E foron dúas, porque a imaxe da Virxe do Carme local, acompañouna este ano tamén a imaxe do Carme de Leiro.
Na comitiva de autoridades asistentes o alcalde, Julián Bustelo, e demais membros da corporación municipal, así como tamén patrón maior Miguel Ángel Iglesias e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, que non quixo perderse tampouco esta xornada festiva.
Unha vez no porto a procesión continuou como é costume polo mar.
As dúas imaxes estiveron acompañadas no seu traxecto por numerosas embarcacións, de maior e menor tamaño, ata o interior da Ría, onde se realizou como é costume a ofrenda floral en recordo de tódolos falecidos no mar.











