RIBEIRA> O auditorio de Ribeira acolleu a pasada tarde-noite o acto de presentación da Volta Ciclista á España Feminina 2026. A proba que arrancará o domingo 3 de maio terá a Galicia como gran protagonista.
O auditorio de Ribeira quedouse pequeno para o acto de presentación da Volta Ciclista a España Feminina. A el asistiron numerosas autoridades, non só da comarca senón tamén fóra dela, dada a repercusión da mesma, como é o caso do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e os presidentes das deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra, Valentín González Formoso, Luis Menor e Luis López, respectivamente.
Tamén estiveron presentes o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, así como tamén o secretario xeral para o Deporte, Roberto García. A alcaldesa, María Sampedro, quixo agradecer a elección de Ribeira como sede para esta gala de presentación coincidindo ademais coa programación do 8M na que Ribeira rendeu homenaxe ás súas deportistas.
Na presentación Diego Calvo destacou a forte tradición ciclista de Galicia e a celebración doutras probas consolidadas como é o Gran Camiño.
No acto déronse a coñecer tamén os percorridos desta Volta, na que Galicia terá un gran protagonismo. Arrancará o domingo 3 en Marín, e terá un total de sete etapas, catro delas en Galicia.











