A POBRA> A inclusión e o empoderamento feminino son os eixos sobre os que xira o proxecto Construíndo Futuros que ven de poñer en marcha o concello da Pobra en colaboración con Médicos do Mundo.
O concello da Pobra volve ser pioneiro no eido da integración coa posta en marcha do programa Construíndo Futuros. A iniciativa, promovida pola concellería de Promoción Económica en colaboración con Médicos do Mundo, traballa con mulleres en situación de vulnerabilidade, algunhas inmersas en procesos moi complicados.
Tras pasar na travesía do empoderamento como primeiro paso do programa, as participantes poderán optar a mellorar a súa empregabilidade a través do coworking. Contarán neste proceso, non só con asesoramento laboral e asistencia técnica, senón tamén cunha ampla rede de apoio emocional e recursos que contribúan a unha maior estabilidade como as vivendas de emerxencia social do concello.
O programa, froito do convenio asinado entre o concello e Médicos do Mundo, ten unha vixencia de dous anos pero nace con vocación de continuidade para seguir construíndo futuros.











