Noia será sede do Campionato Galego Elite de Boxeo

NOIA> Esta mañá presentábase en Noia o Campionato Galego Elite de boxeo que se vai disputar no pavillón municipal Agustín Mourís o 25 e 26 deste mes de maio baixo a organización do club local, o SKT, e a Federación Galega de Boxeo.

No Campionato tomarán parte ó redor dun cento de participantes procedentes de clubs de  toda a comunidade, pertencentes á practica totalidade de pesos, tanto en categoría masculina coma feminina.

De aquí sairán os campións galegos, que formarán a selección autonómica que participará nos Campionatos de España a celebrar en León o vindeiro mes de xullo, no que agarda poder estar tamén o púxil local Silvestre Gómez.

Dende o Concello fan unha chamada a asistir a este Campionato e poder presenciar unha velada do máximo nivel competitivo.

As entradas xa están a venda nos lugares de costume, na Cafetería Perla, na Taberna do Lelo e no Ludus, co abono de 15 euros para os dous días e de dez para unha única xornada.