O BNG de Rianxo apela á responsabilidade e critica a cuestión de confianza plantexada polo alcalde

RIANXO> O BNG de Rianxo pide ó goberno local un cambio de rumbo. Apelan a unha maior responsabilidade na busca de acordos en lugar de alimentar o enfrontamento con decisións como a cuestión de confianza plantexada despois de que a proposta de orzamentos non contase co respaldo do resto da corporación.

A decisión do alcalde de Rianxo de plantexar unha cuestión de confianza tralo rexeitamento da súa proposta orzamentaria non foi ben entendida polo grupo municipal do BNG. Os nacionalistas cualifican de temerario e irresponsable levar a pleno un borrador de presupostos contando só co apoio dos concelleiros de Rianxo en Común, sen ter aberto un proceso previo de diálogo para consensuar un proxecto con achegas de toda a corporación.

Entenden que tralo rexeitamento da proposta, o goberno debería ter aberto un novo proceso de negociación en lugar de plantexar unha moción de confianza que, din, tan só contribúe a alimentar o conflito e o enfrontamento. Para o BNG é unha mostra máis da escasa capacidade de diálogo amosada polo alcalde, necesaria nunha corporación tan fragmentada na que é preciso buscar espazos de colaboración entre os grupos. Como consecuencia denuncian a situación de parálise que vive a administración local sen avanzar en cuestións tan importantes para o futuro de Rianxo como pode ser o PXOM ou a dotación de chan empresarial.

Os nacionalistas amósanse tamén críticos coa postura do PSOE que tras asinar un pacto co goberno denuncia o seu incumprimento, situación que cualifican de esperpéntica. Por todo isto, piden un cambio de rumbo ó goberno para a busca de acordos amplos apelando á responsabilidade.