BOIRO> O alcalde de Boiro, Xosé Ramón Romero, e os edís de Política Social, Raúl Treus, e Medio Ambiente, Olga González, foron os encargados de recibir no Concello a esta delegación do municipio caboverdiano de Tarrafal, encabezados polo seu alcalde, José dos Reis, e o concelleiro de Agricultura e Sanidade, Osvaldo Chantre.
A visita enmarcábase no proxecto “Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Durante a recepción, o alcalde boirense convidou ó seu homólogo de Tarrafal a asinar no libro de honra do Concello, e posteriormente fíxolle entrega de varios agasallos.
Trala recepción institucional no Concello, a comitiva realizou unha visita a dúas empresas da localidade vinculadas ó sector do mar, como é o caso da cetárea Ángel Mar, onde coñeceron o proceso de depuración do marisco, e posteriormente á firma JJ Chicolino para ver as distintas liñas de traballo que desenvolve esta empresa nas súas factorías para a produción de solucións para acuicultura e pesca.
Ademais de Boiro, estes días a delegación caboverdina visitará tamén outros concellos socios do Fondo Galego para coñecer boas prácticas no ámbito da agricultura, a gandería e a pesca.