O Carlos Oroza serve no Gastroespazo unha degustación cos produtos locais da primavera

PONTEVEDRA> O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza está decidido a devolver a vida ao Gastroespazo da Praza de abastos de Pontevedra. Hoxe celebraron unha das actividades enmarcadas no acordo co concello pontevedrés: unha degustación de receitas preparadas cos produtos que se poden atopar no mercado na primavera. Ofreceron 30 prazas e colgaron o cartel de completo.

O reloxo está a piques de marcar as 12 e media e a cociña do posto que o Carlos Oroza ocupa no Gastroespazo da Praza de Abastos de Pontevedra bule de actividade. Alumnos de primeiro encargaranse da degustación que hoxe ofrecen a un grupo de 30 comensais.

A temática desta xornada é a cociña con produtos de primavera. Pero moi importante: todos teñen que ser do propio mercado pontevedrés.

Empanada de millo e trigo con hortalizas, croquetas de moluscos, peixe rebozado con allo e perexil e maionesa de lima, albóndegas con patacas novas, macedonia de froita con queixo fresco e granizado de menta é a proposta da que hoxe gozan os comensais.

Para esta actividade, a parte central do Gastroespazo colle forma de comedor dun restaurante. Ademais de cociñar, será tamén o alumnado quen se encargue do servizo.

O Carlos Oroza comezou a organizar estas degustacións en abril. Fan dúas por semana e explican que aquí gaña todo o mundo: o alumnado, os praceiros e, por supostos, os asistentes.

Para participar nunha destas degustacións é imprescindible contar con reserva. Se non queren perder a seguinte, estean atentos e garden a súa praza na web do centro.