POBRA> A adquisición de competencias dixitais é o eixe central dunha nova iniciativa destinada á veciñanza maior de 65 anos que vai poñer en marcha a concellería de Servizos Sociais, a través da Fundación Amigos de Galicia.
O programa, ‘Nos@s maiores, mellor acompañad@s’, centrarase nunhas xornadas formativas teórico-prácticas sobre o uso das novas tecnoloxías.
As clases impartiranse os días 28 de outubro, e 4 e 11 de novembro. Para participar cómpre facer inscrición previa. Poderá realizarse ata o día 21, a través dunha solicitude no rexistro do Concello.
Para máis información os interesados poden dirixirse ó departamento de Servizos Sociais ou no teléfono de contacto 981-832764.