A senda de San Miguel de Deiro terá unha pasarela en Rego do Alcalde

VILANOVA> Vilanova beneficiarase dunha axuda de Turismo de Galicia para a mellora do borde litoral na parroquia de San Miguel de Deiro. En concreto, son 80.000 euros que permitirán a instalación dunha pasarela nun treito da senda, en Rego do Alcalde, construída nun inicio para instalar por debaixo a tubaxe de saneamento que sigue reclamando o concello a Costas. O alcalde insiste na necesidade dese proxecto, pero entre tanto, di, seguen avanzando noutros aspectos.

Coa achega da Xunta, e á espera de captar máis fondos, o que se vai facer agora é unha pasarela nunha zona de esteiro que corta o paso cando a marea estea chea. Un proxecto, explica o rexedor, que servirá para conectar Cambados con Vilanova, se o concello veciño tamén aposta por continuar no seu territorio con esta senda.

Gonzalo Durán explica que xa contan con tódolos permisos para facer esta actuación que, comezará nos vindeiros meses. A previsión é que estea rematada para o verán de 2025.