Rexistran con retroescavadoras unha leira de Vilanova nunha nova operación contra o narcotráfico

VILANOVA> Arousa volve ser o escenario dun novo operativo contra o tráfico de drogas. Dende primeira hora desta mañá, a Policía Nacional está a levar a cabo rexistros en varios concellos, entre eles Ribadumia e Vilanova de Arousa. A intervención está a ser dirixida por un xulgado de Santiago e, segundo explican dende a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, dá continuidade a un realizado hai semanas noutra comarca galega. Fontes da investigación apuntan a que hai varios detidos.

A imaxe das retroescavadoras traballando nunha parcela do lugar de Currás, en Vilanova de Arousa, é unha das máis chamativas que deixou a nova operación contra o tráfico de drogas que desenvolveu hoxe a Policía Nacional na comarca do Salnés.

Os axentes realizaron rexistros en tres propiedades de Vilanova e de Barrantes, no concello de Ribadumia. A operación está a ser dirixida por un xulgado de Santiago de Compostela e deriva doutra que se realizou hai varias semanas noutra comarca galega.

Aínda que se apunta á existencia de varios detidos dende a Subdelegación do Goberno non confirmaron esta información. Iso si, Losada felicitou á policía polo seu traballo na loita contra o tráfico de drogas.

No operativo están a participar axentes das comisarías de Santiago, Vilagarcía e Pontevedra, ademais de efectivos do grupo de resposta especial para o crime organizado da Policía Nacional, Greco.