POIO> Poio prepara un paquete de medidas para impulsar o emprendemento ao abeiro das variantes Xacobeas. O concello porá en práctica varias iniciativas que contemplan, por exemplo, a axilización dos trámites, a creación dos Puntos de Información ao Peregrino e ao Emprendedor ou a ampliación da estratexia ‘No Bo Camiño’.
Aproveitar todo o potencial das variantes xacobeas para crear riqueza e emprego é un dos obxectivos que persegue o concello de Poio. Tanto é así que o goberno local está a deseñar un paquete de medidas para apoiar o emprendemento ao seu redor.
O Casal de Ferreirós acolleu hoxe a ‘I Xornada de Emprendemento no Camiño’, cita organizada polo concello e na que participaron medio cento de emprendedores e persoas interesadas nas oportunidades de negocio e emprego que ofrecen as variantes xacobeas que pasan por Poio.
Campañas de formación, espazo promocional en redes e no material impreso, axudar e axilizar os trámites ou a creación de Puntos de Atención ao Emprendedor e ao Peregrino son algunhas das medidas que se porán en marcha.
A xornada completouse cunha mesa redonda na que participaron responsables de negocios nados ao abeiro do Camiño de Santiago, ofrecendo unha visión do emprendemento en primeira persoa.











