Marga Caldas prepárase para liderar ‘unha nova etapa’ do BNG na oposición

POIO> As eleccións do 28 de maio non foron ben para o BNG no concello de Poio. Despois de 27 anos, a formación perdía a alcaldía e pasaba a ser a terceira forza da corporación, ante un Partido Popular que acadaba a maioría absoluta e un Partido Socialista que conseguía superalos en concelleiros. Para a súa candidata Marga Caldas, ábrese agora unha nova etapa para a formación na que demostrará a súa forza dende a oposición.

O BNG de Poio prepárase para afrontar este mandato na oposición por primeira vez dende hai 27 anos.

Nas eleccións do domingo, os veciños deron a maioría absoluta ao Partido Popular e ao seu candidato. O Partido Socialista mellora, pasando de 3 concelleiros a 4, pero o BNG cae de 5 a 3, pasando a ser a terceira forza do pleno.

A partires do 17 de xuño, Ángel Moldes será o novo alcalde de Poio. Xa a mesma noite das eleccións, tras coñecer os seus bos resultados, anunciara que a súa intención era facer unha auditoría ao concello. Algo que non preocupa á líder nacionalista.

En canto ao BNG, Caldas considera que se abre agora unha nova etapa. Estas eran as primeiras eleccións nas que collía o relevo do histórico Luciano Sobral. E a súa intención é seguir á fronte da forza nacionalista en Poio.