Emgrobes aposta polo bonito e dedica esta fin de semana a enxalzar a súa versatilidade

O GROVE> Esta fin de semana, a hostalería do Grove enxalzará o bonito. Os días 7, 8 e 9 varios restaurantes do municipio ofrecerán diferentes preparacións con este peixe como protagonista, nunhas xornadas organizadas por Emgrobes. Para ir abrindo boca, hoxe celebrouse unha degustación no Obradoiro de Hostalería da Lanzada. N acto no qeu se enxalzaron os beneficios gastronómicos e saudables do bonito.

Tataki ao té matcha, tartar tex-mex, confeitado en aceite picante sobre gazpacho asado ou thai en leite de coco de curry vermello. Pratos ben diferentes pero que hoxe compartiron ingrediente protagonista: o bonito.

No Obradoiro de Hostalería da Lanzada demostrouse hoxe esta versatilidade deste peixe. Un xeito de abrir boca de cara ás Xornadas do Bonito que esta fin de semana se celebran en diferentes locais de hostalería do Grove, organizadas pola asociación Emgrobes.

As xornadas desenvolveranse os días 7, 8 e 9 e toda a información xa está dispoñible na Oficina de Turismo do Grove, na web de Emgrobes e nas redes sociais da asociación e das Xornadas Gastronómicas. A parte gastronómica completarase con música, animación, sorteo. Propostas para dinamizar a economía local do Grove e desestacionalizar a oferta turística.

Outra das accións promocionais destas xornadas organizadas por Emgrobes celebrarase este venres. O catering Galicia na túa Mesa encargarase de elaborar un menú saudable con bonito para a rapazada da maioría dos colexios do Grove.