Poio estuda cancelar contas con Abanca polo peche da oficina de Campelo

POIO> O peche de sucursais bancarias preocupa a concellos e veciños. Carril e Vilaxoán, en Vilagarcía, quedaron hai uns meses sen as oficinas de Abanca que lles prestaban servizo. Agora, este mesmo banco anunciou o peche da sucursal que ten en Campelo, no concello de Poio. Dende o goberno local están a perfilar medidas de presión para intentar evitar a desaparición da oficina e incluso non desbotan cancelar contas municipais.

O concello de Poio está disposto a pelexar para evitar o peche da sucursal que Abanca ten en Campelo. O banco anunciou que a oficina deixará de funcionar en setembro, dificultando o acceso dos veciños da zona ao servizo.

Dende o goberno local estudan que medidas tomar para presionar á entidade e intentar evitar o peche. Ademais de solicitar unha reunión cos responsables territoriais da entidade, non descartan cancelar as contas que manteñen abertas coa firma.

Certo é que Poio non é o único concello afectado polos peches de sucursais. Vilagarcía, Cotobade ou Campo Lameiro son outros municipios que xa viron ou que verán próximamente este servizo reducido para os seus veciños. Por iso traballan para presentar unha fronte común.

A intención do goberno poiense é que Abanca manteña operativas todas as sucursais que hai no concello, ademais da instalación dun caixeiro automático en Raxó.