PORTO DO SON> Durante toda a xornada de onte e tamén hoxe o tanatorio municipal de Porto do Son converteuse nun ir e vir de xente tras coñecer a nova do falecemento de Manel Deán.
Familiares, amigos e veciños en xeral quixeron darlle así o último adeus ó edil sonense.
Ata o tanatorio achegáronse tamén numerosos políticos e cargos institucionais, entre eles, o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Todos os que o coñeceron dicían del que era unha persoa afable e querida, e sobre todo boa persoa.
Esta mañá a corporación municipal celebraba tamén unha sesión plenaria con carácter extraordinario na que se decretaron tres días de loito oficial e bandeiras a medio mastro.
Os seus restos mortais xa repousan no cemiterio parroquial de San Sadurniño de Goiáns, en cuxa igrexa se celebrou esta tarde o seu funeral.











