RIBEIRA> Acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o presidente da Xunta visitaba esta mañá o arquipélago de Sálvora, en plena ría de Arousa, para comprobar a marcha dos traballos que se están a levar a cabo dentro do Plan de Revalorización do Faro.
A actuación, incluída no Programa Xacobeo Next Generation posto en marcha polo Goberno Autonómico con fondos europeos, conta cun orzamento de millón e medio de euros.
Con ela a Xunta busca a recuperación dun elemento patrimonial para convertelo en centro de observación turístico-científica, e con el fomentar a actividade turística na zona.
A actuación en Sálvora , incluída entre as doce obras en Bens de Interese Cultural previstas con cargo ó Plan Xacobeo Next Generation, encara xa a súa recta final, polo que podería estar rematada xa a finais do verán.











