A marea vermella volve a afectar á ría de Muros-Noia

MUROS/NOIA> O polígono de bateas B permanece pechado cautelarmente ó detectarse altos niveis de toxina.

O temporal que azouta estes días a nosa contorna deixa tamén outras incidencias no mundo do mar. Ademais de impedir os labores habituais de pesca ou mariqueo, con parte da flota amarrada, o mal tempo parece que favoreceu a aparición de toxina lipofílica na ría de Muros-Noia. Neste caso a zona afectada é a B, que concentra medio cento de bateas. O Intecmar xa notificou onte ós profesionais que habitualmente traballan nesta zona o peche cautelar da mesma, prohibindo a extracción de mexillón ata que non remitan os niveis de toxina.

Por outra banda, as confrarías de Rianxo e Cambados seguen á espera da apertura de dúas zonas de extracción da volandeira que a día de hoxe continúan pechadas debido ós elevados niveis de chumbo. Un peche que está a condicionar en parte o inicio da campaña do bou de vara. está previsto que o Intecmar dea a coñecer este venres o resultado das últimas análises realizadas nestas dúas zonas. Se os informes saen negativos procederase inmediatamente á súa apertura.