PONTEVEDRA> Fomentar a cultura do emprendemento no eido educativo é o obxectivo que persegue Depoemprende na Escola, o programa impulsado dende a Deputación de Pontevedra. Hoxe dende a Praza da Peregrina da capital pontevedresa despediuse unha nova edición. Preto de 300 alumnos de toda a provincia instalaron os postos das cooperativas nas que levan traballando todo o curso.
300 alumnos de toda a provincia de Pontevedra pasaron do papel á práctica os proxectos nos que levan traballando boa parte do curso. A Praza da Peregrina acolleu a xornada de clausura do programa DepoEmprende na Escola.
Doce cooperativas de oito centros de ensino de toda a provincia enfrontáronse á proba de lume. Dende os seus postos, a rapazada ofreceu os seus produtos aos potenciais clientes que paseaban polo centro da cidade.
Ademais de recuperar o capital investido, as cooperativas tiñan un obxectivo: recadar fondos para asociacións e ONGS que foron escollidas por todos eles.
Unha motivación extra neste primeiro contacto co emprendemento.











