Protestas no IES de Poio para reclamar á Xunta financiamento para o ciclo de Guía no Medio Natural

POIO> A comunidade educativa do instituto de Poio reclama á Dirección Xeral de Formación Profesional que dote de orzamento o Ciclo Medio de Guía no Medio Natural. Explican que o ciclo precisa do alugueiro de instalacións externas, do traslado dos estudantes e de material que se debe repoñer con certa frecuencia por cuestións de seguridade. Polo que os gastos só deste ciclo ascenden a uns 50.000 euros, mentres que o orzamento total e anual do instituto non supera os 90.000. Hoxe concentráronse ás portas do centro para reclamar unha partida específica para impartir esta formación.

Concentrados ás portas do Instituto de Poio, alumnado, familias e profesorado reclamaron este mediodía un orzamento específico para o Ciclo Medio de Guía no Medio Natural.

Este alugueiro de instalacións externas para as prácticas de actividades como hípica, piscina ou socorrismo, ademais da compara de material específico, eleva a conta de gastos ata uns 50.000 euros que a Dirección Xeral de FP se nega a financiar.

Parte destes gastos están a cubrirse cos 90.000 euros de orzamento que o instituto ten cada ano. O restante saíu dos aforros do centro. Pero o colchón xa se rematou, polo que a negativa da Xunta a dotar de orzamento este ciclo pon en perigo a formación dos 44 alumnos matriculados.

Coa protesta desta mañá agardan conseguir que a Xunta de Galicia recapacite e sexa coherente cos anuncios de potenciar a FP a partires do vindeiro curso.