O concello de Boiro rehabilita as vivendas dos mestres para darlle uso social

BOIRO> O concello de Boiro está a acometer a rehabilitación dunha vivenda na Avenida Compostela para darlle un fin social. é o primeiro paso dun ambicioso proxecto que contempla a rehabilitación do conxunto de inmobles da zona de Praia Xardín que antigamente se destinaban a residencia dos mestres.

O alcalde de Boiro, acompañado polos concelleiros de Servizos Sociais e de Educación así como varios técnicos municipais, visitou esta mañá as obras de reforma da coñecida como Casa de Costas, unha das antigas vivendas dos mestres situada en Praia Xardín. O concello de Boiro está a executar a súa reforma para darlle fins sociais. Unha obra, financiada con fondos propios que ascende a 74 mil euros, máis os 18 mil que achega a Deputación da Coruña para dotación de mobiliario.

Esta actuación pretende ser o primeiro paso para a rehabilitación integral do resto das vivendas dos mestres. Ademais de ampliar as instalacións sociais do municipio, o proxecto suporá unha fonda transformación da zona de Praia Xardín, onde se atopan estes bloques de vivendas que datan xa de hai máis de 50 anos e levan moito tempo sen uso.

O concello estima que a obra desta primeira vivenda poida estar rematada nun par de meses. A rehabilitación respectará en gran medida o aspecto orixinal aínda que dotándoa das máis innovadoras tecnoloxías para optimizar o seu rendemento enerxético.