Centos de barcos da ría de Arousa únense ao Artic Sunrise na súa loita contra Altri

VILAGARCÍA> Centos de embarcacións arroupan ao Artic Sunrise de Greenpeace na súa chegada á ría de Arousa. Trátase dunha mobilización histórica coa que ecoloxistas e o sector do mar lanzan un SOS para salvar a ría. Denuncian que a instalación de Altri en Palas de Rei podería supoñer a morte definitiva da ría máis produtiva do mundo. A embarcación do colectivo estará no porto de Vilagarcía ata este domingo, onde haberá diferentes actividades de concienciación.

Esta pode ser unha das imaxes máis icónicas dos últimos anos en defensa da ría de Arousa. Ducias e ducias de barcos, ata 300, arrouparon ao buque Artic Sunrise de Greenpeace á súa chegada ás Rías Baixas procedente das Bermudas. Embarcacións procedentes de tódolos portos da zona foron ao seu encontro ata a boca da ría, atravesándoa xuntos ata chegar ao Ramal. Alí permanecerá ata este domingo, sumándose ao berro de auxilio polo futuro do mar de Arousa.

Greenpeace celebra a alianza coa Plataforma en Defensa da Ría en defensa do mar. Aseguran que unidos a mensaxe chega máis lonxe.

Esta mañá, ecoloxistas e sector do mar reuníronse nun encontro que serviu para poñer enriba da mesa os problemas que atravesa á ría. Por  unha banda, o cambio climático que está a provocar un incremento da temperatura e cambios nos ventos do nordés, mermando a súa capacidade produtia. Ante este problema global, dende a PDRA demandan solucións sobre o terreo, restrinxindo ao máximo a contaminación.

Insisten en que a baixada da produción sigue indo a máis, con este último ano especialmente grave. Advirten que a todo isto agora hai que sumarlle a bomba de reloxería que, din, é o proxecto da macrocelulosa de Altri.

E defenden que fronte aos 500 empregos que se xerarían en Altri, aquí hai en xogo 19.000 postos de traballo en múltiples sectores.

O Artic Sunrise continuará ata o domingo no Ramal, con acceso libre á cidadanía. Alí celebraranse ao  longo destes días distintas actividades a prol da defensa do medio ambiente.