Portos repintará o aparcadoiro do recheo de Ribeira para identificar as prazas reservadas a usuarios

RIBEIRA> Portos de Galicia procederá ó repintado das prazas de estacionamento do recheo de Ribeira. Na actualidade, todas están pintadas de verde o que levou a confusión ós usuarios posto que tan só están reservadas para profesionais as máis próximas ós pantaláns.

O malestar inicial ocasionado pola prohibición de estacionar no recheo portuario de Ribeira deu paso a certa confusión posto que tódalas prazas están pintadas de verde. Sen embargo, tan só as máis próximas ós pantaláns son as reservadas ós usuarios do porto quedando o resto dispoñibles para estacionamento público. O concello puxo esta situación en coñecemento de Portos de Galicia que procederá ó repintado das prazas reservadas noutra cor en canto o tempo o permita.

Ata entón, as autoridades portuarias non executarán aínda sancións senón que están a desenvolver labores informativas e de apercibimento para explicar ós cidadáns a nova normativa que rexe neste espazo.

Dende o concello animan tamén ós cidadáns que teñan dúbidas a contactar coa Policía Local, coñecedora do novo réxime de estacionamento no espazo portuario.