Ribeira amplía a súa oferta dixital este verán con tres cursos para mozos e dous para adultos

RIBEIRA> Os ribeirenses disporán este verán dunha ampla oferta de cursos de informática. Ademais dos programas de iniciación e perfeccionamento para adultos, haberá tres campamentos dixitais dirixidos á mocidade.

A Casa da Mocidade e a Aula CeMIT de Ribeira serán este verán un fervedoiro de actividades formativas. Os principais destinatarios serán os nenos e mozos que dispoñen de tres programas diferentes. O campamento dixital, para idades comprendidas entre os 9 e 11 anos, centrarase na seguridade e protección de datos á hora de navegar pola rede para previr o ciberacoso. En paralelo desenvolverase ‘Pobo Dixital’ para mozos de ata 14 anos.

Estes dous programas desenvolveranse na casa da Xuventude mentres que a aula CeMIT acollerá o Verán Dixital para nenos de 8 a 11 anos. Alí tamén se desenvolverán os cursos para adultos, unha hora cada día. No mes de xullo serán de iniciación mentres que en agosto abordarase a realización de xestións máis complexas.

Os interesados en participar en calquera das actividades xa poden apuntarse na aula CeMit. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.