Sanxenxo move 10.000 metros cúbicos de area en Silgar para devolver á praia o seu perfil orixinal

SANXENXO> O concello de Sanxenxo traballa para que a praia de Silgar ofreza a súa mellor versión este verán. Hoxe iniciou o movemento de 10.000 metros cúbicos de area na zona leste do areal. O obxectivo: recuperar o seu perfil orixinal e amplia a zona de desfrute, despois de que os temporais do inverno desprazaran o árido á zona máis alta cubrindo pasarelas e lavapés.

A maquinaria xa traballa na praia de Silgar para poñela a punto de cara a tempada forte do verán. O concello de Sanxenxo iniciou o movemento de 10.000 metros cúbicos de area na zona leste do areal para recuperar o seu perfil orixinal e ampliar a zona de desfrute.

A actuación ten un custo de 48.000 euros e está previsto que remate este sábado 29. Os traballos están a realizarse con dous dúmpers, unha escavadora e un camión, que devolverán ao seu lugar a area desprazada polos temporais do inverno.

Sanxenxo tamén está a realizar traballos de mantemento noutras praias. Por exemplo, en Area de Agra, en Dorrón, están a acondicionar a actual rampla dotándoa de maior anchura e accesibilidade coa colocación dunha lousa de cemento rugoso. Tamén se instalarán unhas escaleiras para salvar a pendente de entrada á praia. A actuación ten un custo que rolda os 3.000 euros.

Ademais, mañá está previsto que se inicien os traballos de reparación do muro da praia de Lavapanos, que presenta un alto risco de caída. Neste caso, o investimento será de preto de 40.000 euros.