Xa están operativos os Espazos Concilia de Poio con 600 prazas totalmente gratuítas

POIO> Primeira xornada dos Espazos Concilia no concello de Poio. Son tres os que estarán operativos durante os meses de xullo, agosto e setembro no municipio, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar. O servizo conta este ano con máis de 600 prazas.

Tres Espazos Concilia farán máis sinxela a conciliación fa.miliar e laboral durante o verán para as familias do concello de Poio. Están en marcha dende hoxe, e continuarán operativos ata o mes de setembro.

Un deles é o do colexio Isidora Riestra, no que hai 150 inscritos. Esta primeira xornada transcorreu con presentacións e xogos.

Completan a oferta os Espazos Concilia dos colexios Espedregada e Viñas. Entre os tres, suman máis de 600 prazas que este ano ademais son gratuítas grazas a unha subvención da Xunta de Galicia.

A gratuidade do servizo é unha das principais novidades respecto á edición do ano pasado. A segunda, que se amplía o funcionamento ata o 6 de setembro. A terceira, que nesta edición se inclúen tamén dous sábados durante o verán, o 13 de xullo e o 10 de agosto.