O SALNÉS> Seguen aparecendo voces satisfeitas co mes de agosto no sector do turismo. Unha das últimas é a da Asociación de Propietarios de Vivendas Turísticas de Galicia, Aviturga. Para o colectivo os datos son excelentes. De feito, en varios concellos das Rías Baixas rozaron o cheo absoluto.
Ao contrario do que sucedera co mes de xullo, agosto despediuse cun balance moi positivo para o sector turístico. Dende a Asociación de Propietarios de Vivendas Turísticas de Galicia aseguran que a ocupación acadou o 100% en moitos puntos da xeografía galega. Tamén nas Rías Baixas.
O visitante que escolle este tipo de aloxamento chega acompañado normalmente pola familia. A gran maioría proceden do norte de España, e alóxanse por períodos curtos de tempo.
Mirando xa cara o mes de setembro, dende Aviturga agardan que se cumpran as expectativas. Polo de momento, as reservas mantéñense, o que permite pensar que se manterán os bos datos tamén neste mes.
Dende Aviturga tamén apuntan que non se rexistrou ningunha incidencia nas súas vivendas, destacando as valoracións positivas que consegue este tipo de aloxamentos.